lunes, 15 de abril de 2013

"Festival", de César Aira, unha novela inédita que se publica en galego antes que en ningunha outra lingua



Editorial Trifolium vén de publicar en lingua galega, dentro da súa colección Litterae, a novela “Festival”, da que é autor o escritor arxentino César Aira.

Traducida ao galego polo escritor Juan Tallón, “Festival” é unha obra inédita que ve a luz en galego antes que en calquera outra lingua, por expreso desexo do autor.




                                                     

Sinopse

O director de cine belga Alec Steryx chega á cidade para presidir o xurado do Festival de Cine Independente. Pero para sorpresa dos organizadores, todos admiradores dunha prodixiosa obra consagrada á ciencia ficción de clase B, o realizador europeo non chega só. Steryx aparece no aeroporto acompañado da súa nai nonaxenaria. Personaxe caracteristicamente aireano, esta vella dominante e caprichosa axiña bate co mundo "cool" que reina no cinema independente, o que provoca unha explosión de contrariedades e absurdos, sinais de identidade da literatura de César Aira. O autor máis prolífico da literatura arxentina proponnos un artefacto no que a patada inicial é só o arranque dun relato no que as digresións do autor, cargadas de fondura ensaística e ironía, novamente abren inesperados camiños que reorganizan o material narrativo sobre a marcha.


Autor

César Aira (Coronel Pringles, Provincia de Buenos Aires, Arxentina, 1949), prolífico protagonista das letras arxentinas con máis de sesenta obras publicadas entre novelas, relatos, ensaios, traducións e obras teatrais.
Considerado un dos escritores contemporáneos de máis interés para público e crítica de Europa e América Latina, entre as súas numerosas e deslumbrantes novelas cómpre salientar Ema la cautiva, El congreso de literatura, Los fantasmas, Cómo me hice monja, Un episodio en la vida del pintor viajero, Las curas milagrosas del Doctor Aira, La mendiga e Cumpleaños, entre outras.
Publicou ensaios sobre Alejandra Pizarnik e sobre o escritor, dramaturgo e debuxante arxentino Copi. Amigo íntimo de Osvaldo Lamborghini, é un dos principais reivindicadores da súa obra, tendo editado as súas Novelas y cuentos en dous tomos cun prólogo seu.
Escritor cunha imaxinación literaria sempre sorprendente, dictou tamén cursos sobre Rimbaud, Mallarmé e o constructivismo.


Título: Festival
Autor: César Aira
Tradución: Juan Tallón
Colección: Litterae
ISBN: 978-84-940297-7-6
Características: Rústica / 14 x 22 cms
Nº de páxinas: 98
Idioma: Galego
PVP (con IVE): 17,00 €

No hay comentarios:

Publicar un comentario