En novembro de 1971, a televisión holandesa transmitiu un diálogo entre Noam Chomsky e Michel Foucault, moderado por Fons Elders, que se inscribía na serie de encontros organizados polo International Philosophers Project.
Xa na presentación do encontro, e anticipando o que posiblemente ocorrería, Elders caracterizou os opoñentes como “dous obreiros que estivesen perforando un túnel nunha montaña, cada un desde un lado oposto, con instrumentos diferentes, e sen saber se se encontrarán”.
En efecto, se ben as preocupacións dos dous intelectuais eran coincidentes en moitos aspectos, tanto nas ferramentas filosóficas coas que abordaban o seu traballo como nas conclusións á que os levaban as súas investigacións eran radicalmente distintas e, en moitos casos, francamente contraditorias.
O debate levouse a cabo en dúas partes. A primeira, de carácter máis ben filosófico, permitiu a cada un desenvolver as súas respectivas posturas e delimitar o campo dos seus intereses. A segunda, máis nidiamente política, converteuse nun verdadeiro dó de argumentos no que se expresarían, con non menos intelixencia que acedume, fortes diverxencias.
O traballo que presentamos, en versión galega a cargo de Enrique Sánchez Rodríguez para a colección Musa pedestris, é un extraordinario modelo de intercambio intelectual, unha posta en perspectiva das estratexias de pensamento de Chomsky e de Foucault e un magnífico documento do encontro entre dúas das figuras máis importantes da filosofía.
Noam Chomsky (Filadelfia, EE.UU., 1928), obtivo a súa licenciatura na Universidade de Pensilvania. É investigador e profesor emérito do Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT). Fundador da gramática xenerativa transformacional, é recoñecido, ademais de pola súa actividade científica, polas súas intervencións críticas verbo da sociedade, a economía e a política mundial.
Michel Foucault (Poitiers, Francia, 1926 – París, 1984) estudou na École Normale Supérieure, onde se licenciou en Filosofía e en Psicoloxía. Foi membro do Partido Comunista Francés entre 1950 e 1953, participou no Maio do 68 e, a comezos da década de 1970, vinculouse ao maoísmo. Elixido en 1970 para o Collège de France, desenvolveu nos seus cursos unha teoría do discurso coa que cuestionou distintas institucións, como hospitais, manicomios, prisións e escolas. As súas teorías sobre o poder, o saber e o suxeito romperon coas concepcións modernas verbo deses termos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario