sábado, 11 de diciembre de 2010

Paul Lafargue: O dereito á preguiza

Entrega "E" da coleción Musa pedestris, con tradución directa de francés a galego a cargo de Armando Requeixo, O dereito á preguiza foi redactado en Londres en 1880 para a súa publicación no diario L ´Egalité, con reedición posterior, en 1883, en pequeno formato.

Na obra, Paul Lafargue realiza unha crítica do sistema económico imposto polo capitalismo, sistema cuxo desenvolvemento -asegura o autor-, vén desembocar inevitablemente nunha crise de superprodución e forte aumento do paro entre a clase traballadora.

Propón Lafargue, entón, a redución da xornada laboral e o uso xeneralizado da máquina como redentora da Humanidade, o deus que liberará o ser humano das sordidae artes e do traballo asalariado, o deus que lle proporcionará ocio e liberdade.

Se a clase obreira -conclúe- se rebelase con todas as súas forzas, non para reclamar os Dereitos do Ser (que non son máis que os dereitos da explotación capitalista), non para reclamar o Dereito ao Traballo (que non é máis que o dereito á miseria), senón para forxar unha lei de bronce que prohibise a calquera persoa traballar máis de tres horas por xornada, a Terra, a vella Terra, estremecida de alegría, sentiría reloucar nela un novo universo...



Paul Lafargue (1842-1911), médico, xornalista e activista influenciado polas ideas de Proudhon e Bakunin, formou parte da Primeira Internacional como anarquista proudhoniano, ideoloxía que deixou atrás tras coñecer en Londres a Karl Marx, despois de que este fora expulsado da Universidade de París.

Membro do Consello Xeral da Primeira Internacional, dirixiu a súa actividade política a establecer contactos con organizacións españolas.

De volta á capital francesa, adquiriría unha notable sona como articulista. Tras a revolta da Comuna de París, Lafargue volveu a España, establecéndose en Madrid, onde intentou reunir un grupo marxista capaz de liderar a actividade revolucionaria.

Finalmente regresou a Londres e posteriormente a Francia, onde traballou a partir de 1880 como editor do xornal L´Egalité, mentres terminaba a súa obra máis coñecida, O dereito á preguiza, que se converteu nun dos máis célebres escritos socialistas.

Á idade de 69 años Paul Lafargue e a súa dona, Laura, filla de Karl Marx, planearon e levaron a cabo o seu suicidio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario