viernes, 18 de febrero de 2011

Federica Montseny: Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935

Editorial Trifolium, dentro da súa colección Fume de leña, ven de sacar do prelo Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935, de Federica Montseny.

O libro foi traducido ao galego por Enrique Sánchez Rodríguez e leva un limiar asinado polo historiador Eliseo Fernández. A ilustración da cuberta é obra da pintora galega Ánxela Pérez Meilán.


Cando Federica Montseny, unha das figuras máis prestixiosas do movemento libertario, pois a súa vida é en parte a historia mesma do anarquismo ibérico, viaxou por Galicia en decembro de 1935, a expectación creada pola súa presenza era enorme, e non exenta de polémica. Federica aliñábase na corrente máis radical da CNT, que impulsara os movementos insurreccionais de 1933, e era moi crítica coa militancia anarcosindicalista máis moderada.

A xira tivo lugar entre os días 3 e 16 de decembro de 1935, e transcorreu polas localidades de Betanzos, Ferrol, Cariño, Santiago, A Coruña, lugo, Carballo e Ourense. Foron dúas semanas nas que Federica Montseny traballou por difundir as ideas libertarias nesta terra, ao tempo que se enchoupaba da paisaxe, das xentes e da camaradería dos seus correlixionarios en Galicia. Con poucos medios e moitos atrancos, milleiros de homes e mulleres escoltaron con abraio a persuasiva e potente voz de Federica.

Federica Montseny, tal como indica o historiador Eliseo Fernández no limiar do libro, non só fixo un fructífero traballos propagandístico entre os homes e mulleres do mar, do campo e da cidade, senón que ademais, levantou acta da existencia daquela Galicia libertaria que pasou diante dos seus ollos por algúns días. E difundiu o que vira neste vívido relato da súa andaina por Galicia, publicado originalmente por entregas en “La Revista Blanca”, nos primeiros meses de 1936.

O relato que recuperamos para a colección Fume de leña é breve, mais tremendamente condensado. As páxinas da reportaxe reflecten a admiración que espertou nela a paisaxe galega, daquela case virxe, que louba continuamente; aparecen tamén descricións e anécdotas de cada unha das vilas e cidades que percorreu; e mesmo se atreveu a entrar a analizar, case socioloxicamente, o carácter dos homes e mulleres do país. Mais, sobre todo, o que distingue a este traballo doutras reportaxes do estilo é a vívida descrición que fixo Federica do movemento libertario galego.


Títulos publicados na colección Fume de leña

El paso por Galicia de dos futuros presidentes de EE.UU.: John Adams y su hijo John Quincy Adams
Emilio González López

Robert Southey desembarca en el puerto coruñés
Carlos Martínez Barbeito

A Coruña nos textos dos viaxeiros. Séculos XVIII, XIX e XX
Xan Arias-Andreu Rodríguez

Ante a Historia Compostelá
Claudio Sánchez Albornoz

Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935
Federica Montseny

1 comentario:

  1. Gustaríame felicitar tanto a Trifolium polo texto como ao tradutor polo axeitado texto en galego. O libro é interesante e reflicte moi ben as loitas políticas da época. A personaxe é incuestionablemente unha figura pouco tratada aínda que non por iso deixemos de ver o seu relevo no decorrer da historia de España e do anarquismo español. Noraboa.

    ResponderEliminar