Editorial Trifolium, dentro da súa colección Musa pedestris, vén de sacar do prelo “Por que non son cristián”, de Bertrand Russell, en tradución ao galego a cargo de Mª Fe González Fernández.
“Por que non son cristián” é o texto dunha conferencia impartida por Bertrand Russell o 6 de marzo de 1927, no consistorio de Battersea, baixo os auspicios da Sección do Sur de Londres da Sociedade Laica Nacional.
Bertrand Russell foi un escritor prolífico durante toda a súa vida e parte dos seus mellores traballos está contido en pequenos folletos e en artigos publicados en diversos xornais. Isto pode aplicarse en especial aos seus estudos sobre relixión, pouco coñecidos fóra de certos círculos racionalistas.
Aínda que é valorado sobre todo polas súas contribucións a temas tan abstractos como a Lóxica e a Teoría do Coñecemento, cabe esperar que Russell sexa igualmente lembrado como un dos grandes herexes en moral e relixión, tal como apuntaba en 1956 Paul Edwards, compilador de varios dos seus ensaios relativos a temas teolóxicos.
Consideraba Bertrand Russell, un dos pensadores máis lúcidos do século XX, que todas as grandes relixións –o budismo, o hinduísmo, o cristianismo e o islam- son falsas e daniñas, á vez que avogaba por un mundo no que a educación tendese á liberdade mental en lugar de encerrar a mente da humanidade na ríxida armadura do dogma.
Porque o mundo, engadía, necesita mentes e corazóns abertos, e estos non poden derivarse de ríxidos sistemas, vellos ou novos.
O Autor
Bertrand Russell (1872-1970) foi un home dunha curiosidade intelectual case ilimitada. Estudou Matemáticas, Física e Ciencias Humanas en Cambridge. Autor da Teoría dos tipos, coa que daba resposta á grave crise que atravesaba a Teoría dos conxuntos, abriu un novo campo á Lóxica formal. En Filosofía moral e social abordou as contradicións entre individuo e sociedade, liberdade e orde, progresismo e pesimismo, etcétera.
A súa insubornable actividade crítica fixo que fose encarcerado en dúas ocasións. Enfrontado á carreira armamentística nuclear e á violencia, presidiu o tribunal que xulgou os crimes de guerra en Vietnam.
Foi profesor en Cambridge e conferenciante en universidades e centros culturais de todo o mundo, e en 1950 foi galardoado co Premio Nobel de Literatura.
Cómpre salientar da súa vasta obra “Principia mathematica”, “A educación e a orde social”, “Historia da Filosofía Occidental”, “A sabedoría de Occidente” e, “Crimes de guerra en Vietnam”, entre outros títulos, e nesta mesma colección “Eloxio da ociosidade”.
Datos
Título: Por que non son cristián
Autor: Bertrand Russell
ISBN: 978-84-938669-1-4
Páxs.: 68
PVP: 9,00 €
Títulos publicados na colección Musa Pedestris
A. O ocio e a diversión na cidade
José Luis L. Aranguren
B. Arte de escribir sen arte
Felipe Alaiz
C. Eloxio da ociosidade
Bertrand Russell
D A natureza humana: xustiza versus poder
Noam Chomsky e Michel Foucault
E O dereito á preguiza
Paul Lafargue
F Por que non son cristián
Bertrand Russell
No hay comentarios:
Publicar un comentario