lunes, 16 de mayo de 2011

Marcel Proust: Sobre a lectura seguido de Días de lectura

Editorial Trifolium, dentro da súa colección Musa pedestris, vén de sacar do prelo Sobre a lectura seguido de Días de lectura, de Marcel Proust.

A experiencia de Marcel Proust como lector é fundamental tanto na concepción literaria coma na escritura de Na procura do tempo perdido. Por primeira vez traducidos para o galego, reúnense neste libro dous textos nos que a lectura como comunicación en ausencia se confronta con outras formas de comunicación nas que a presenza se impón ou nas que se simula mediante a técnica. Proust concibe a lectura e, polo tanto, a escritura, como a percepción desa distancia indicada polo texto. A distancia crítica que permite percibir o mundo con outros ollos, pensalo como o que queda despois da perda sinalada polo tempo. Nese senso incide o ensaio introdutorio de Carlos Lema, quen tamén se encarga da tradución e edición dos textos deste volume.



O Autor

Marcel Proust (París, 1871-1922) é coñecido como o autor de À la recherche du temps perdu (Na procura do tempo perdido), formada por sete libros que se publicaron entre 1913 e 1927. Así e todo, xa en 1895 comezara a escritura de Jean Santeuil, novela que nunca chegaría a rematar e que non se publicou ata 1952. A obra de Proust abrangue tamén crónicas, contos, artigos e poemas que publica en diferentes revistas antes de os xuntar en 1896 no volume Les Plaisirs et les jours. En 1909, reúne noutro libro os pastiches que escribiu imitando a Balzac, Flaubert, Michelet, Sainte-Beuve e Saint-Simon, entre outros autores, exercicios literarios que formaban parte dunha serie publicada no xornal Le Figaro. Posteriormente, en 1919, obtén o Premio Goncourt con À l'ombre des jeunes filles en fleurs, segundo volume da Recherche, e aparece Pastiches et mélanges, no que se inclúen os dous grandes prefacios a A Biblia de Amiens e a Sésamo e os lirios, obras do escritor e crítico de arte inglés John Ruskin traducidas por Proust. No limiar á última das obras anteditas, titulado “Sobre a lectura”, o mesmo que no artigo “Días de lectura”, publicado en Le Figaro, é onde o escritor expón a súa experiencia de lector e como esa experiencia configura e condiciona a percepción do mundo expresada na súa obra literaria.
Datos

Título: Sobre a lectura seguido de Días de lectura
Autor: Marcel Proust
ISBN: 978-84-938669-2-1
Páxs.: 182
PVP: 12,00 €

Títulos publicados na colección Musa Pedestris

A   O ocio e a diversión na cidade
José Luis L. Aranguren
B   Arte de escribir sen arte
Felipe Alaiz
C   Eloxio da ociosidade
      Bertrand Russell
D   A natureza humana: xustiza versus poder
Noam Chomsky e Michel Foucault
E   O dereito á preguiza
Paul Lafargue
F   Por que non son cristián
Bertrand Russell
G   Sobre a lectura seguido de Días de lectura
Marcel Proust

No hay comentarios:

Publicar un comentario