lunes, 13 de junio de 2011

José Luis Sampedro: O mercado e a globalización


Editorial Trifolium, dentro da súa colección Musa pedestris, vén de sacar do prelo O mercado e a globalización, de José Luis Sampedro. A tradución ao galego é de Mª Fe González Fernández.

Coa caída do muro de Berlín e o derrubamento soviético desapareceu o único gran rival oposto á expansión do capitalismo que, dende entón, intensificou coa nova tecnoloxía informática o seu dominio sobre os mercados mundiais, organizando unha rede especulativa e financeira non controlada polos gobernos, en virtude de medidas liberalizadoras.

Os ideólogos e beneficiarios do sistema afirman que esa rede, coñecida como Globalización, conducirá á riqueza para todos e, ademais, é consecuencia inevitable do progreso técnico.
Fronte a esa filosofía de mercado sen controis érguense numerosos obxectores que lembran que cada ano é maior o foso entre os países ricos e os pobres, referíndose ademais a problemas planetarios que só se resolverán globalizando todo o importante para a existencia humana e non só a rendibilidade económica.

Cales son as diversas consecuencias desta globalización para pobres e ricos? Como lograr que o poder político dos gobernos democráticos volva controlar o hoxe supremo poder económico transnacional? Alcanzarase outro mundo máis racional e equitativo?


O Autor

José Luis Sampedro (Barcelona, 1917), economista e escritor, membro da Real Academia Española, foi catedrático de Estrutura Económica, subdirector xeral do Banco Exterior de España e senador por designación real.

Tratou diversos aspectos da actividade económica, especialmente no que que se refire á política industrial e á dinámica interna da economía.

Cómpre salientar, neste aspecto da súa produción, as obras Principios prácticos de localización industrial (1957); Perfiles económicos de las regiones españolas (1965); Conciencia del subdesarrollo (1973); Las fuerzas económicas de nuestro tiempo (1967) e Economía humanista, algo más que cifras (2009).

É autor, tamén, dunha importante obra novelística, con títulos como Congreso en Estocolmo (1952); El río que nos lleva (1962); El caballo desnudo (1970); Octubre, octubre (1982); La sonrisa etrusca (1985); La vieja sirena (1990); Real Sitio (1993); La estatua de Adolfo Espejo (1994); Fronteras (1995); La caja de las postales (1997); Monte Sinaí (1998); El amante lesbiano (2000) e La senda del drago (2006) e dos ensaios Los mongoles de Bagdad (2006); Conversaciones con Carlos Taibo sobre política, mercado y convivencia (2006) e La Ciencia y la Vida, con Valentín Fuster e Olga Lucas.


Datos

Título: O mercado e a globalización
Autor: José Luis Sampedro
Tradución: Mª Fe González Fernández
ISBN: 978-84-938669-3-8
Páxs.: 96
PVP: 11,00 €


Títulos publicados na colección Musa Pedestris

 O ocio e a diversión na cidade
      José Luis L. Aranguren
B   Arte de escribir sen arte
     Felipe Alaiz
 Eloxio da ociosidade
     Bertrand Russell
D   A natureza humana: xustiza versus poder
     Noam Chomsky e Michel Foucault
E   O dereito á preguiza
     Paul Lafargue
F   Por que non son cristián
     Bertrand Russell
G   Sobre a lectura seguido de Días de lectura
      Marcel Proust
H   O mercado e a globalización
      José Luis Sampedro

No hay comentarios:

Publicar un comentario