martes, 20 de septiembre de 2011

Xan Arias-Andreu Rodríguez: Viaxeiros por Galicia

Editorial Trifolium, dentro da súa colección Fume de leña, ven de sacar do prelo Viaxeiros por Galicia, de Xan Arias-Andreu Rodríguez.
Viaxeiros por Galicia é a versión en galego do libro publicado en castelán en Ediciós do Castro, no ano 1998. 
A tradución é de Enrique Sánchez Rodríguez.


Galicia e a súa paisaxe, as súas xentes, caracteres e costumes, a riqueza monumental e artística xunto ao seu desenvolvemento social e económico ou o estado dos seus camiños e pousadas son temas aquí tratados, tomados todos dos viaxeiros-escritores non galegos que por esta terra se desprazaron dende unhas épocas afastadas no tempo.
Porque sabido é que ao longo da Historia un gran número de ilustres viaxeiros foron deixando constancia escrita en forma de diarios, cartas, memorias, relacións ou relatos –cos elementos característicos e diferenciábeis que cada época marca–, das impresións e experiencias que Galicia lles suscitou.
Así o fixeron dende a Idade Media, dende a Europa dos santuarios e as peregrinacións, dende a Compostela fin de traxecto dunha das máis prodixiosas rutas de peregrinación, o Camiño de Santiago, sen o cal non se podería entender a proxección internacional desta terra, dende a súa catedral e o Liber peregrinationis alí conservado, primeira guía para camiñantes do vello continente.
Camiñantes, viaxeiros, heteroxénea masa de comerciantes, xograres, poetas, peregrinos e escultores, aristócratas ou plebeos, guerreiros, malandríns e eclesiásticos que, guiados por razóns diversas e dende os máis remotos lugares da terra, seguiron nos séculos posteriores elixindo Galicia como destino.
Até aquí chegaron tamén, xa polo XVII e deixando atrás a senda dos aventureiros, viaxeiros en misións diplomáticas e políticas, como simple acompañamento a un abade na súa visita aos mosteiros, como preceptores ou por motivos científicos ou de instrución, que tan amplo desenvolvemento acadarán despois cos viaxeiros ilustrados do XVIII, cobizosos de coñecemento e degoirados de traspasaren a realidade circundante, despregando todas as súas posibilidades de sentimento, pensamento e acción.
No XIX o poder da razón é substituído polo dominio da subxectividade, e os viaxeiros románticos buscaron o exótico, o diferente, iniciando unha maneira de viaxaren que sería o precedente do noso turismo de masas... De todos eles e de todas as épocas, en fin, hai dignos representantes neste libro
A escolma dos textos utilizada constitúe unha fonte moi valiosa de datos e unha curiosísima información sobre todos aqueles aspectos de cada día que escapan á historia dos grandes acontecementos, pero que conforman, xa que logo, o enleado da realidade cotiá.

O Autor

Xan Arias-Andreu Rodríguez, xornalista e editor, iniciou no suplemento “Cataventos” de El Ideal Gallego unha serie de artigos sobre literatura de viaxes por Galicia, que tería continuidade no suplemento “Galicia” de La Voz de Galicia, onde fixo un estudo pormenorizado sobre os textos dos viaxeiros-escritores non galegos que até Galicia chegaron dende os mais remotos tempos. Neste ámbito referido á literatura de viaxes por Galicia ten publicados asemade numerosos artigos noutros medios e revistas, ademais dos citados. É autor, nesta mesma colección, do libro A Coruña nos textos dos viaxeiros. Séculos XVIII, XIX e XX.

Datos

Título: Viaxeiros por Galicia
Autor: Xan Arias-Andreu Rodríguez
Tradución: Enrique Sánchez Rodríguez
ISBN: 978-84-938669-5-2
Páxs.: 286
PVP: 21,00 €

Títulos publicados na colección Fume de leña

  • El paso por Galicia de dos futuros presidentes de EE.UU.: John Adams y su hijo John Quincy Adams. Emilio González López
  • Robert Southey desembarca en el puerto coruñés. Carlos Martínez Barbeito
  • A Coruña nos textos dos viaxeiros. Séculos XVIII, XIX e XX. Xan Arias-Andreu Rodríguez
  • Ante a Historia Compostelá. Claudio Sánchez Albornoz
  • Impresións dunha viaxe por Galicia en 1935. Federica Montseny
  • Cando partín unha mañá de verán. Laurie Lee
  • Viaxeiros por Galicia. Xan Arias-Andreu Rodríguez

No hay comentarios:

Publicar un comentario