TRIFOLIUM celebra neste mes
de setembro o seu 10º aniversario de existencia no panorama editorial galego,
coa publicación de dous ensaios inéditos do poeta Antonio Gamoneda, publicados
en galego antes que en calquera outra lingoa por expreso desexo do autor, que
elixiu a nosa colección Musa pedestris
para a súa publicación.
Trátase dos ensaios Estética e temporalización do Camiño Xacobeo e Fonación, palabra e escritura,
pensamento poético. Ambos os dous textos estarán nas librarías ao longo
deste mes de setembro.
No segundo dos ensaios, Fonación, palabra e escritura, pensamento
poético, letra Ñ da colección, o
autor descifra as constantes e diversas interrogacións sobre o valor xerminal
que poida ter para o pensamento, en particular para o pensamento poético, o
feito de que o primate empeñouse en ser home e, a partir de certo momento, o
determinante maior da súa humanidade non foi outro que a aparición na súa vida
da lingoaxe.
10º aniversario
A Editorial TRIFOLIUM, radicada no
concello coruñés de Oleiros, iniciou a súa andaina no mes de setembro de 2002
coa publicación do libro Asociacionismo e
movemento obreiro en Oleiros (1900-1936), de Carlos Pereira Martínez,
na primeira colección deseñada polo seu director, Xan Arias: Cadernos de Estudos Oleirenses. Unha
colección que abarca cun marcado carácter divulgativo, nos 12 volumes editados
ata hoxe, diversos aspectos relacionados coa riqueza que o concello de Oleiros
atesoura desde o punto de vista da súa historia social, económica, cultural e
política.
A colección de ensaio en pequeno formato Musa pedestris naceu coa intención de ir
ao fondo das cousas, de xerar unha tensión filosófica, non só ética e moral,
para entender todo o engrenaxe da existencia, e a favor dun ensaísmo lúcido que
busca a exposición clara, a argumentación rigorosa e a reflexión baseada no
saber. A Jose Luis L. Aranguren, Bertrand Russell, Noam Chomsky e Michel
Foucault, Paul Lafarge, Marcel Proust, José Luis Sampedro, Robert L. Stevenson,
e Federico Mayor Zaragoza unese agora o poeta Antonio Gamoneda, conformando un
elenco de autores de primeira liña.
Fume
de leña, colección dedicada á literatura de viaxes por Galicia, constitúe
unha fonte moi valiosa de datos e unha curiosísima información sobre todos
aqueles aspectos de cada día que escapan á historia dos grandes acontecementos,
pero que conforman, xa que logo, o enleado da nosa realidade cotiá. As viaxes
de Robert Southey, de John Adams, o periplo de Laurie Lee, ou a descrición de
Federica Montseny da Galicia inmediatamente anterior á Guerra Civil, entre
outros títulos, conforman un patrimonio literario de gran valía.
Na colección Contextos incluímos as memorias de María Casares, as cartas
recibidas por Emilio González López de senlleiros persoeiros da política e da
cultura, ou as biografías que Ramón Gómez de la Serna escribiu sobre Ramón
María del Valle-Inclán, sobre Maruja Mallo ou sobre Emilia Pardo Bazán.
Litterae dá cabida á
narrativa, con obras en galego e en castelán de autores como Elena Poniatowska,
Isidro Novo, Ricardo Martínez-Conde, José María Pérez Álvarez e Francisco X.
Fernández Naval.
E inauguramos recentemente a colección Lunalimón, dedicada ao libro ilustrado,
co conto Lilus Kikus, da autora
mexicana Elena Poniatowska, ilustrado por Santy Gutiérrez.
Editorial TRIFOLIUM quere agradecer
fondamente o apoio recibido neste anos do público lector, dos críticos e
xornalistas que se ocuparon e se ocupan con xenerosidade do noso traballo, asi
como a alta profesionalidade dos libreiros, á vez que valora moi especialmente
a imprescindible aportación dos nosos colaboradores.
Seguirá TRIFOLIUM a súa andaina,
alternando momentos de euforia (os máis) con momentos de desconsolo (os menos),
pero sempre coa ilusión posta nos proxectos que temos entre mans.
No hay comentarios:
Publicar un comentario