martes, 19 de marzo de 2013

Étienne de La Boétie: A servidume voluntaria



Editorial Trifolium publica o ensaio A servidume voluntaria, do que é autor Étienne de La Boétie, traducido directamente do francés ao galego por Armando Requeixo.




Sinopse

A pesar da súa breve biografía, Étienne de La Boétie pasou á historia do pensamento político pola súa obra A servidume voluntaria, unha obra que adquiriu gran relevancia nas disputas relixiosas do século XVI, ao ser utilizada polos protestantes na súa loita contra a monarquía católica francesa.

O texto comeza formulando un problema empírico: ¿por que as persoas viven baixo o imperio doutras persoas, renunciando a súa liberdade política? Case todas as persoas, constata La Boétie, viven baixo o xugo de reis, tiranos, funcionarios, líderes, etc. que as saquean economicamente e lles negan capacidade de decisión política.

Esas mesmas persoas, considera La Boétie, ben poderían recuperar a súa liberdade co simple xesto de non obedecer as ordes dos tiranos.

Porque a liberdade política significa “que as persoas existan para si mesmas”.

Porque a liberdade é un don conferido por Deus á natureza humana, en tanto que a servidume é produto do costume, da ignorancia e da falta de valor.

O texto, en definitiva, ten a virtude de clarificar un dos problemas centrais da teoría política: o problema da obediencia ao poder, fronte ao desexo natural do home pola liberdade.


Autor

Étienne de La Boétie (Sarlat, 1530 – Germignan, 1563). Estudante de leis na Universidade de Orleans, foi Conselleiro do Parlamento de Bordeos. Estudou intensamente aos clásicos, especialmente a Roma da Antigüidade. Como todos os humanistas da primeira metade do século XVI, imitou os antigos na súa linguaxe, o mesmo nas súas traducións, de Plutarco e Xenofonte entre outras, como nas súas composicións poéticas, que realizou en grego, latín e francés.
Católico reformista, estivo comprometido nas loitas relixiosas do século XVI en Francia. Mantivo unha profunda, real e íntima amizade con Michel de Montaigne, ata o punto de considerala este como exemplo de virtude, redactando sobre a súa base o capítulo XXVII do libro I dos seus Ensaios.
De Étienne de La Boétie dixo Michel de Montaigne que era “o home máis grande que tiña coñecido”.


Ficha técnica

Título: A servidume voluntaria
Autor: Étienne de La Boétie
Tradución: Armando Requeixo
ISBN: 978-84-940297-8-3
Páxs.: 88
PVP: 12,00 €

Títulos publicados na colección Musa Pedestris

A               José Luis L. Aranguren: O ocio e a diversión na cidade
B                Felipe Alaiz: Arte de escribir sen arte
C                Bertrand Russell: Eloxio da ociosidade
D               Noam Chomsky e Michel Foucault:  A natureza humana: xustiza versus poder
E                Paul Lafargue: O dereito á preguiza
F                Bertrand Russell: Por que non son cristián
G               Marcel Proust: Sobre a lectura seguido de Días de lectura
H               José Luis Sampedro: O mercado e a globalización
I                 Robert L. Stevenson : Apoloxía dos ociosos
L                Federico Mayor Zaragoza: Delito de silencio      
M              Jonathan Swift: Unha humilde proposta
N               Antonio Gamoneda: Estética e temporalización do Camiño Xacobeo
Ñ               Antonio Gamoneda : Fonación, palabra e escritura, pensamento poético

No hay comentarios:

Publicar un comentario