miércoles, 6 de noviembre de 2013

Unha sinxela beleza, por María Lopo



Unha sinxela beleza



O vindeiro 7 de novembro cúmprense cen anos do nacemento de Albert Camus. Apenas uns días despois, o 21, María Casares cumpriría 91. Todo semellaba estar escrito para que as súas vidas non se cruzasen mais, como sabemos, nada está escrito. Ela levou á vida de Camus unha Coruña fondamente libre, culta, natural e sinxela. Libre como o piso alugado en París onde María e a súa nai Gloria agacharon amigos xudeus nos peores momentos da Ocupación; culta como os incontables recitados de poemas de Rosalía e de Machado da solidaria actriz militante da memoria; natural como o océano de Bastiagueiro que asolagou o mediterráneo de Tipasa; sinxela como a verdadeira beleza.



Nos ollos de Camus as imaxes de Montrove e Bastiagueiro, nas súas mans os libros de Curros e a Constitución da Segunda República, nos seus cadernos as historias da nena coruñesa que iluminarían a novela inconclusa. A Coruña existiu no universo vital e creativo de Camus porque existiu María Casares, e por ela a Coruña do escritor foi auténtica, rebelde, vital e sinxela.



Di Albert Camus en La peste que nomear mal as cousas engade desgraza ao mundo. Grazas a María Casares o mundo foi, certamente, algo menos infeliz.



María Lopo




Trifolium publicará O tempo das mareas. María Casares e Galicia de María Lopo na súa colección Contextos

No hay comentarios:

Publicar un comentario