sábado, 11 de diciembre de 2010

Bertrand Russell: Eloxio da ociosidade

Escrito nos anos trinta do século pasado e publicado orixinalmente en The Political Quarterly, en Inglaterra, e en The Atlantic Monthly, en Norteamérica, no ensaio Eloxio da ociosidade, Bertrand Russell, un dos pensadores máis lúcidos do século XX, considera esencial aproveitar os avances tecnolóxicos para a mellora da calidade de vida, á vez que denuncia a irresponsabilidade da sociedade moderna.

O tempo libre é vital para a civilización, apunta o eximio pensador británico, lembrando que en épocas pasadas só o traballo dos máis facía posible o tempo libre dos menos.

Pero o traballo era valioso –remarca-, non porque o traballo en sí fora bo, senón porque o ocio é bo.

E coa técnica moderna –escribiu hai xa case oitenta anos- sería posible distribuír xustamente o ocio, sen menoscabo para a civilización.

Esta edición, publicada na colección Musa pedestris, foi traducida directamente de inglés a galego por Mª Fe González Fernández



Bertrand Russell (1872-1970) foi un home dunha curiosidade intelectual case ilimitada. Estudou Matemáticas, Física e Ciencias Humanas en Cambridge. Autor da Teoría dos tipos, coa que daba resposta á grave crise que atravesaba a Teoría dos conxuntos, abriu un novo campo á Lóxica formal. En Filosofía moral e social abordou as contradicións entre individuo e sociedade, liberdade e orde, progresismo e pesimismo, etcétera.

A súa insubornable actividade crítica fixo que fose encarcerado en dúas ocasións. Enfrontado á carreira armamentística nuclear e á violencia, presidiu o tribunal que xulgou os crimes de guerra en Vietnam.

Foi profesor en Cambridge e conferenciante en universidades e centros culturais de todo o mundo, e en 1950 foi galardoado co Premio Nobel de Literatura.

Cómpre salientar da súa vasta obra Principia mathematicaA educación e a orde social, Historia da Filosofía Occidental,  A sabedoría de Occidente, Crimes de guerra en Vietnam e Por que non son cristián, entre outros títulos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario