Cando na primavera de 2005 localicei á familia de Emilio González López para solicitar permiso de edición dun traballo que fixera sobre a visita a Galicia do presidente norteamericano John Adams, levei a sorpresa de que conservaba o seu arquivo persoal, tal como o enviaran dende Nova York, unha vez falecido en 1991.
Nin sequera fora inspeccionada unha soa das máis de trinta caixas que se acumulaban nun alpendre.
Dada a boa sintonía que xurdiu desde os primeiros momentos cos herdeiros de Emilio, a quen coñecín en xullo de 1985 por mor dunha longa entrevista que lle fixera para RNE, tiven oportunidade de ir levando pouco a pouco a miña casa o seu arquivo para inspeccionalo e ordealo.
Ademais de libros, documentos varios, manuscritos e fotografías, o máis destacado que atopei foi as cartas recibidas de ilustres persoeiros que fora gardando ao longo de moitos anos.
Daí nace Cartas a Emilio González López, publicadas grazas á amable disposición da súa familia.
Non foi necesario insistir na conveniencia de pór ao abeiro tan valiosa documentación, e asi, coa complicidade e comprensión da súa familia, o arquivo de Emilio González López está hoxe depositado no Arquivo Municipal da Coruña.
Nin sequera fora inspeccionada unha soa das máis de trinta caixas que se acumulaban nun alpendre.
Dada a boa sintonía que xurdiu desde os primeiros momentos cos herdeiros de Emilio, a quen coñecín en xullo de 1985 por mor dunha longa entrevista que lle fixera para RNE, tiven oportunidade de ir levando pouco a pouco a miña casa o seu arquivo para inspeccionalo e ordealo.
Ademais de libros, documentos varios, manuscritos e fotografías, o máis destacado que atopei foi as cartas recibidas de ilustres persoeiros que fora gardando ao longo de moitos anos.
Daí nace Cartas a Emilio González López, publicadas grazas á amable disposición da súa familia.
Non foi necesario insistir na conveniencia de pór ao abeiro tan valiosa documentación, e asi, coa complicidade e comprensión da súa familia, o arquivo de Emilio González López está hoxe depositado no Arquivo Municipal da Coruña.
Breve semblanza de Emilio González López
Nado na Coruña en 1903, Emilio González López obtivo a licenciatura con premio extraordinario en Dereito e Ciencias Sociais na Universidade de Madrid en 1926, doutorándose na mesma universidade en 1929. Pensionado pola Universidade de Madrid trasladouse á de Munich, onde estudou Filosofía e Dereito en 1927-28. Foi profesor auxiliar na Facultade de Dereito da Universidade de Madrid, e Catedrático de Dereito Penal nas Universidades de La Laguna, Salamanca, Oviedo e Barcelona.
Exiliado en Estados Unidos, dedicouse á ensinanza en todas as súas fases, comezando na Primaria en 1939, ano de chegada ao país, ao organizar dúas escolas primarias nos barrios da colonia española de Manhattan e Brooklyn. Profesor de Lingua e Literatura Española no Hunter College da City University of New York desde 1940, cunha interrupción de dous anos (1941-43) na Universidade de Panamá como profesor de Dereito Penal e Criminoloxía -presidindo asemade neste país unha Comisión de Maxistrados para a redacción dun anteproxecto do Código Penal panameño-, e no Middlebury College Summer School. Lector de Historia da Civilización Española na Escola Graduada, Columbia University, e profesor visitante de Lingua e Literatura Española na Escola Graduada da New York University, exerceu igualmente como profesor visitante nas Universidades de Nova York, Columbia e San Juan e Mayagüez de Porto Rico.
En canto a cargos académicos, foi decano da Facultade de Dereito da Universidade de La Laguna, director da Escola Española de Middlebury College Summer School e xefe do Departamento de Linguas Románicas no Hunter College da City University of New York.
As súas inquedanzas políticas comezaron xa na época de estudiante, como membro fundador da FUE, da que foi o seu primeiro secretario xeral. Deputado por A Coruña nas tres lexislaturas da Segunda República Española en representación da ORGA e de Izquierda Republicana, ocupou os cargos de Director Xeral de Administración Local e Beneficencia en 1931-32 e Director Xeral de Beneficencia en 1932-33, con Casares Quiroga como Ministro, no Goberno de Manuel Azaña. Gobernador do Banco Industrial de Crédito en 1933-38, foi Cónsul Xeral de España en Suíza e Secretario Xeral de España na Liga das Nacións en 1938-39.
Xa no exilio, ocupou a dirección da Casa de Galicia de Nova York e da Sociedad Española La Nacional, e foi hóspede de honra, en catro ocasións, das sociedades españolas de Bos Aires, Montevideo, Venezuela e Canadá, desenvolvendo unha constante actividade en sociedades e institucións españolas en actos culturais e políticos relacionados con España e Latinoamérica e con motivo da celebración de xornadas galegas celebradas en ditos países.
Articulista en España Libre, El Sol de la Fraternidad e La Voz de Galicia, entre outros medios de comunicación, colaborou en prestixiosas publicacións como a Revista Hispánica Moderna de Columbia University; Columbia Dictionary of Modern European Literature; Colliers Encyclopedia, Colliers Yearbook e International Yearbook de Nova York; Diccionario das Literaturas Portugueza, Galega e Brasileira de Porto; Nueva Revista de Filología Hispánica de México; Cuadernos de París, e Américas de Washington, entre outras.
É autor de numerosas obras sobre temas da súa competencia, tanto como tratadista de Dereito Penal como profesor e investigador de Historia, Socioloxía e Literatura, entre elas: El espíritu universitario, Madrid 1930; La Antijuricidad, Madrid 1930; La Teoría del delito, Madrid 1931; Emilia Pardo Bazán, novelista de Galicia, Nova York 1944; Galicia, su alma y su cultura, publicación do Centro Gallego de Buenos Aires (Primeiro Premio no Concurso Literario), Bos Aires 1954; Historia de la Civilización Española, Nova York 1959, profusamente reeditada; Historia de la Literatura Española. La Edad Media y el Siglo de Oro, Nova York 1962; Historia de la Literatura Española. La Edad Moderna, Siglos XVIII y XIX, Nova York 1965; El arte dramático de Valle-Inclán, Nova York 1967; El arte narrativo de Pío Baroja. Las trilogías, Madrid 1971; La poesía de Valle-Inclán: del simbolismo al expresionismo, Universidade de Porto Rico 1973, tamén de biografías de Ramón de la Sagra e López Ballesteros e dunha Historia de Galicia en trece tomos.
En 1991, a dous meses do seu falecemento, foi nomeado Cronista Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia
Emilio González López na súa casa familiar de
Sta. Mª de Vigo o 31.07.1985 co editor do libro
Sta. Mª de Vigo o 31.07.1985 co editor do libro
(Arquivo Trifolium)
As cartas
Xurdiron dúbidas nun principio sobre a conveniencia, ou non, de agrupar as cartas a partir de cuestións temáticas, mais finalmente optouse por reunilas sen distincións de contidos, na idea de presentar a Emilio González López coma un todo en toda a súa variedade de ocupacións e coñecementos. Motivo polo que aparece mesturada correspondencia de contido político e cultural.
As de contido político, referidas fundamentalmente á situación do país baixo a dictadura franquista, actuacións desde o exilio e movementos e posicionamentos nos primeiros anos da transición, en tanto as culturais aportan unha interesante información sobre o labor desenvolvido por González López como escritor e investigador, ase como sobre a súa intervención en xornadas galegas organizadas polas sociedades e organizacións da emigración.
Nun marco histórico desfavorábel, a solidariedade máis xenerosa entre os galegos espallados polo mundo foi fondamente relevante, tal como se desprende nestas cartas: dende os Centros Galegos da Arxentina, do Uruguai, de México ou dos Estados Unidos, ase como desde o interior do país, Galicia viviu nos longos anos de exilio, no medio de padecementos de todo tipo durante a dictadura franquista, unha loita política e cultural ilusiónante, redobrando as súas iniciativas e actividades contra o franquismo, nas que translucía unha determinación enérxica a voltar e promover en Galicia unha sociedade xusta e democrática.
Lamentablemente, non se inclúe correspondencia anterior á guerra civil dirixida ao ilustre persoeiro protagonista deste libro, pois, tal como indica no segundo volume das súas memorias, titulado Memorias de un diputado de las Cortes de la República 1931-1938 (1988), facendo mención á que posibelmente foi a derradeira carta escrita por Valle-Inclán, dirixida a González López en xaneiro de 1936 en solicitude da súa intervención diante do Tribunal Supremo nun tema relacionado co divorcio en curso do xenial escritor coa súa dona, conta Emilio González López que a dita carta gardouna no seu arquivo do Banco de Crédito Industrial, do que era gobernador. Alí estaba ao estalar a guerra civil mais, sen dúbida, e así o detalla, foi destruída polo seu secretario, con toda a súa correspondencia, para evitar problemas ás persoas coas que mantivo relación epistolar nese tempo, perdéndose, de tal xeito e con toda seguridade, un material valiosísimo.
Na variedade epistolar que se ofrece neste volume optouse igualmente por reunir aos remitentes por orde alfabética. E quixo a fortuna que a escolma comezase, xa que logo, por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A carta dirixida polo destacado político galeguista e eximio artista a Emilio González López está escrita en París sen especificar data; mais, pola información que aporta, pódese colixir que pertence á etapa na que Castelao formou parte do Goberno da República Española no Exilio, de xuño de 1946 a agosto de 1947. Porque anuncia na mesma o seu regreso a Bos Aires o día 25, día de Galcia, e a chegada de Ramón Otero Pedrayo á capital arxentina, podemos datala no verán de 1947, pois sabemos que Otero Pedrayo e a súa muller, Fita, embarcaron en Lisboa a fins de xuño de 1947, para arribar á Boca bonaerense a mediados do mes de xullo, en tanto Castelao abandonou París nese verán, levando áncoras en Marsella a bordo do paquebote Campana con rumbo a Bos Aires.
É coñecida a boa relación que mantiveron Castelao e González López, acrecentada cando o Goberno e as Cortes da República trasladáronse a Valencia en plena guerra civil, durante o posterior traslado das institucións republicanas a Barcelona, e nos primeiros anos de exilio de ambos os dous personaxes en Nova York. Boa relación tanto no plano persoal como no político, da que ambos os dous galegos ilustres deixaron constancia nos seus escritos:
Dedica Castelao en Sempre en Galiza unha parte importante ás xestións pertinentes para a tramitación do Estatuto de Galicia, que lle fora presentado ao Presidente das Cortes Diego Martínez Barrio só dous días antes do comezo da guerra civil. Ante a imposibilidade da súa tramitación parlamentaria nas Cortes reunidas en Valencia, as notas e impresións de Castelao céntranse na denuncia dunha serie de intrigas políticas encol do procedemento, que desembocaron na suposta perda do documento orixinal. Destas intrigas fíxolle partícipe Castelao a Emilio González López quen, como membro da Deputación Permanente das Cortes, ofreceuse para recuperar o documento orixinal do Estatuto. E tal como anota Castelao no libro citado, “Emilio González López saíu para Madrid, e ao cabo d-algúns días estaba de volta en Barcelona co Estatuto Galego, que xa se daba por perdido…”. O Estatuto de Galicia puido ase tomar estado parlamentario na memoráble sesión das Cortes celebrada o 1 de febreiro de 1938 en Montserrat.
Castelao chegou aos Estados Unidos ao comezo do verán de 1938 con dúas misións: facer propaganda a favor da causa republicana e organizar aos galegos de América en sociedades impregnadas de forte espírito galeguista que estimularan a resistencia de Galicia contra a ocupación franquista. Con este obxectivo fundou Unidade Galega en Nova York, transformada anos despois na Casa de Galicia, da que foi fiel colaborador Emilio González López.
Nesta época neoiorquina fortaleceuse a amizade entre Emilio e Castelao e, neste sentido, lembra González López nas súas memorias e nalgúns artigos os longos paseos nocturnos de ambos os dous por Broadway, continuación dos que deran durante a guerra polos camiños de San Cugat del Vallés en Catalunya. Mesmo as súas donas acudían xuntas aos mercados do barrio, mercando grelos en tendas italianas, pois lembra Emilio, “tanto Castelao como eu queríamos ter sempre caldo… Cando Castelao se foi para Bos Aires –engade o político coruñés- deixou connosco a pota de caldo, que nós conservamos como lembranza dos primeiros momentos do exilio…”
Segue a recompilación da correspondencia dirixida a Emilio González López con tres cartas de Alfonso Quintana y Pena, deputado socialista por Ourense exiliado en México, crítico con certos políticos socialistas da época democrática, e unha de Álvaro Gil, fundador con Álvaro Cebreiro e outros da revista Ronsel, membro do Partido Galeguista, detido e trasladado nos comezos da guerra civil á Illa de San Simón, e artífice de importantes empresas galegas.
Ángel del Castillo, home de fortes vinculacións de todo tipo con Emilio González López, era o cronista xeral da cidade de A Coruña na época na que remite a súa carta a quen sería cos anos o cronista xeral de Galicia, en tanto outro autor de prolífica obra, tamén pertencente, como o anterior, á ilustre estirpe de investigadores galegos, Antonio Meijide Pardo, intercambia ou facilita na súa correspondencia valiosa información sobre traballos e libros publicados ou en fase de ser editados. Entre ambas as dúas cartas, outra do gran humanista e impulsor do libro galego Antón Patiño Regueira, recentemente falecido.
Quen sería Premio Novel de Literatura en 1989, Camilo José Cela, solicita na súa misiva, en calidade de director de Papeles de Sons Armadans, a colaboración de González López na revista, non sen antes desfacerse en eloxios da súa obra Historia de la Civilización Española, sen esquecer un curioso comentario encol da censura imperante no tempo da España franquista.
Tamén Carlos Casares, como Cela ocupante dun lugar destacado na historia da literatura galega e universal, a Emilio se dirixe en solicitude da súa colaboración para un libro colectivo sobre a figura de Ramón Piñeiro, concretando a petición na experiencia americana do político galeguista, sobre a que, loxicamente, tiña González López datos de primeira man.
Continúa a relación epistolar co ofrecemento de Carlos Martínez-Barbeito a González López a formar parte do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, que aceptaría, sendo nomeado membro de número do mesmo en sesión plenaria celebrada en setembro de 1980, para cubrir a vacante producida polo falecemento de Sebastián Martínez-Risco. Emilio González López pronunciaría o seu discurso de ingreso na prestixiosa institución coruñesa en xullo do ano seguinte.
Ilustre historiador e Presidente do Goberno da República Española no Exilio no período 1962-1971, Claudio Sánchez Albornoz é autor de dúas cartas, destacando nunha delas a proposición que desde París faille a Emilio para que acepte unha das dúas vicepresidencias das Cortes Republicanas no Exilio, en tanto Fernando Valera, o substituto de Sánchez Albornoz na Presidencia do Goberno da República Española no Exilio, que ocuparía ata 1977, anúncialle o envío duns diarios de sesións das Cortes da República que González López lle solicitara para documentar un dos seus traballos.
Prosegue a relación epistolar con outro importante persoeiro do exilio parisino, Jesús María de Leizaola, substituto de José Antonio Aguirre ao fronte do Goberno Vasco no Exilio, cunha carta escrita nos estertores do maio francés, na que ofrece a súa fundada opinión sobre o estado das relacións económicas entre Francia e España.
Polo medio destes importantes persoeiros do exilio español, aparece no libro tamén unha carta do médico e influínte personaxe nos eidos cultural e político galegos, Domingo García Sabell, na que agradece a felicitación recibida polo seu acceso á presidencia da Real Academia Galega, posto que compatibilizaría durante algúns anos co de delegado do Goberno en Galicia.
Unha carta de Julián Gorkin agradecéndolle o envío do seu libro Historia de la Civilización Española, da paso a dúas misivas remitidas por Luis Jiménez de Asúa, eminente catedrático de Dereito Penal e Presidente da República Española no Exilio desde 1962 ata a súa morte en 1970, de quen Emilio González López foi asiduo colaborador; primeiro como axudante, logo como auxiliar e máis tarde como substituto na cátedra de Dereito Penal; durante o seu desterro, na loita universitaria contra a Dictadura de Primo de Rivera, e nos últimos meses da guerra civil, servindo igualmente á causa republicana ao lado do prestixioso xurista desde o seu posto de secretario da Delegación Española na Liga das Nacións en Xenebra.
Manuel Iglesias Corral, tamén ilustre xurista e alcalde coruñés no período 1932-1933, ademais de Fiscal Xeral da República, mantivo unha copiosa correspondencia con Emilio González López, froito dunha fonda amizade entre os dous. Nela, ofrece cumprida información da situación política na transición democrática, especialmente no que se refire ás vicisitudes da política galega nos primeiros tempos da transición.
Cinco cartas remitidas desde o seu exilio en México levan a sinatura de Ramón Esturau Calvo, antigo Xefe de Organización do Estado Maior do V Corpo do Exército da República, casado no exilio con Adelina Santaló, filla de Miguel Santaló Pavorell, deputado por ERC nas Cortes da República e Ministro de Instrucción Pública nos gobernos no exilio de José Giral (1945-1946) e de Rodolfo Llopis (febreiro-agosto de 1947). Singularmente emotiva é a súa carta de 17 de decembro de 1975 na que, comenta Esturau, o seu antigo compañeiro nas Milicias Galegas, o coronel López Iglesias, entregoulle antes de morrer a bandeira do Batallón. Cómpre salientar que dita bandeira está agora en Santiago de Compostela, depositada no Seminario de Estudos Galegos desde o 18 de abril de 1989 en que a recibiu o empresario e gran persoeiro da cultura galega Isaac Díaz Pardo.
Ramón Martínez López, exiliado como Emilio nos Estados Unidos e fundador e refundador do Partido Galeguista, eleva nas misivas que se inclúen no volume detallados informes sobre a evolución política do país, en tanto das cartas autógrafas do gran patriarca da cultura galega, Ramón Otero Pedrayo, tan difíciles de transcribir pola súa arrevesada letra, se desprende unha gran dose de poesía, influída sen dúbida polo ambiente bucólico de Trasalba.
Da prolífica correspondencia de Rodolfo Prada, senlleira figura do galeguismo na Arxentina, estreito colaborador de Castelao e valedor da primeira edición de Sempre en Galiza, publicada polo Centro Gallego de Bos Aires, é de salientar a desconformidade ou discordancia que dela se deduce entre os galeguistas da emigración e do exilio co sector do interior encabezado por Ramón Piñeiro, encol do papel a xogar polos herdeiros de Castelao no mapa político galego xurdido á morte do dictador Franco. Tamén, como activo propulsor da galeguidade na súa vertente cultural, é interesante a información que ofrece sobre o ir e vir dalgunhas publicacións de Emilio González López.
Agarimo, admiración e gratitude reverten as letras de Sebastián Martínez-Risco, Presidente da Real Academia Galega, polo labor xeral desenvolvido por González López e, en especial, polas súas colaboracións nas publicacións da Academia, como as dedicadas ás figuras de Xoán Vicente Viqueira e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Era Teodomiro Menéndez subsecretario de Obras Públicas nos tempos da República, con Indalecio Prieto ao fronte do ministerio, cando Emilio González López encamiñou unha das súas principais e constantes preocupacións como deputado pola provincia de A Coruña cara a dotar a Galicia de bos portos de mar. E nesta dirección foi leal e eficaz colaborador Teodomiro Menéndez, tal como comprobamos na carta que transcribimos. Conta González López nas súas memorias do tempo que foi deputado nas Cortes da República que xa na campaña electoral á primeira lexislatura prometera ao alcalde de Malpica, Luis Villar, no caso de saír elixido deputado, dedicar os seus maiores esforzos á consecución dun porto de refuxio para os pescadores da emblemática vila mariñeira. E sendo que foi elixido deputado, tivo González López, asemade, a inestimáble vantaxe de ser un bo coñecedor dos procedementos administrativos na tramitación de expedientes, con fácil acceso ás instancias adecuadas, polo seu paso como oficial no Ministerio de Gracia e Xustiza.
Grazas á axuda de Teodomiro Menéndez, xa que logo, e a simpatía coa que Indalecio Prieto contemplou o proxecto, do que era autor o enxeñeiro coruñés Eduardo Vila, este foi aprobado en Consello de Ministros. Comunicada a nova ao alcalde, decontado organizou o mandatario malpicán unha grande festa no día de inauguración das obras, con presencia de Emilio González López tanto nos festexos como no banquete popular ofrecido a continuación. Cómpre salientar que, en agradecemento as súas xestións, o Concello de Malpica acordou dar o nome de Emilio González López á rúa principal do pobo.
Das catro cartas a González López remitidas por Valentín Paz-Andrade sonsacamos apreciada información sobre traballos literarios ou de investigación de ambos os dous persoeiros, rematados ou en vías de publicación, ase como referida á situación política de Galicia no tempo seguinte á morte do dictador, nos que Paz-Andrade albiscaba e denunciaba movementos das forzas neo-franquistas tendentes a perpetuarse no poder.
Na primeira das súas tres cartas asinadas, dá Victoria Armesto as primeiras pistas da que será a súa futura e fructífera dedicación a temas de investigación historiográfica galega, mentres na escrita a mediados de 1977 se amosa fondamente preocupada polo porvir de Galicia e de España, sentindo a ausencia da terra de González López nesa importante etapa política na que quixera, así llo escribe, velo investido como Alcalde de A Coruña.
Patente e incombustíbel logo de tantos anos de exilio é a combatividade de Xerardo Álvarez Gallego, cuñado de Alexandre Bóveda, tanto na súa denuncia dos posicionamentos de determinados sectores e personaxes na Galicia recen saída da dictadura, como do dobre aldraxe que supuxo no seu día o agasallo do Pazo de Meirás ao dictador Franco e o nomeamento da súa viúva como señora do citado lugar.
Interesantes igualmente son as cartas asinadas en Montevideo por Xesús Canabal, impulsor do galeguismo e importante empresario, por percibir nelas certas singularidades dos centros galegos espallados polo mundo adiante, referidas a eleccións favorábeis para a causa galeguista ou a actuacións da administración franquista tendentes a controlalos.
Gran polígrafo da cultura galega, Xosé Filgueira Valverde é autor de dúas misivas nas que solicita e agradece a colaboración de González López na preparación dun volume sobre a Galicia nos tempos dos Austrias, para a súa inclusión na serie Galicia Histórica, preparada polo Instituto Padre Sarmiento en colaboración coa Fundación Barrié.
Xa no apartado “Outras Cartas” inclúense seis remitidas pola Asociación Pro Democracia Española, radicada en Porto Rico, que nos permiten comprobar e seguir, a modo de secuencia, a solidariedade e a loita entre os galegos do exilio cara ao restablecemento das liberdades democráticas brutalmente destruídas pola barbarie franquista. Solidariedade e loita que igualmente amosan os textos das cartas enviadas desde España Libre, órgano das Sociedades Hispanas Confederadas establecidas en Nova York, de El Sol de la Fraternidad, onde Emilio González López colaborou asiduamente, e da Delegación Permanente de Colombia na Sociedade de Nacións.
Para rematar, inclúese unha curiosa carta remitida desde o Museu de Zoología do Ayuntament de Barcelona na que, facendo referencia a un artigo de Manuel Rivas publicado no diario madrileño El País, se solicita a colaboración de Emilio González López co museo en calidade de ornitólogo.
Dúas notas, xa para rematar: A transcrición das 92 cartas incluídas no libro respectou escrupulosamente a escrita dos seus autores, sen modificacións nin actualizacións de ningún tipo que menoscabara o fondo respecto que os seus asinantes merecen. Son obxectivos deste libro, finalmente, contribuír á recuperación da nosa memoria histórica no ano no que se cumpre o setenta aniversario do levantamento militar do 36 que deu comezo a unha Guerra Civil que desencadeou morte, represión e silenzo. Personificado na figura de Emilio González López, este libro quere render unha homenaxe a todos aqueles que un día defenderon os dereitos de todos e pagaron un alto prezo por elo, a todos aqueles que quixeron construír un país en liberdade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario