A bordo dun dos navíos que realizaban o servizo marítimo entre Falmouth e A Coruña, arribaron a Galicia, en decembro de 1795, dous ilustres viaxeiros ingleses: o reverendo Herbert Hill (1749-1828), capellán da colonia británica en Lisboa, e o seu sobriño e compañeiro de viaxe por terras peninsulares, o xove poeta Robert Southey.
Robert Southey, por Edward Nash, 1820
(National Portrait Gallery, Londres)
Do periplo que os levaría de Galicia a Madrid para, por Estremadura, dirixirse a Lisboa, nos deixou o poeta inglés -tamén prosista, tradutor e editor- unha singular obra na que predomina a narración humorística de tipo costumbrista a partir dunha perspectiva privilexiada, pero sen renunciar a súa subxetividade, prexuizos e afinidades: Letters written during a short residence in Spain and Portugal. With some account of Spanish and Portugueze (sic) poetry é o seu título, publicada en Bristol en 1797, segunda edición revisada en 1799, e terceira corrixida e aumentada en 1808.
Certamente constitúe elemento peculiar das cartas de Robert Southey o fino e irónico humor inglés co que está redactado o material que foi recompilando durante a viaxe, rico tamén en calidade literaria, que tempo despois aproveitaría para ampliar a súa bibliografía referida a temas españois, como a tradución do Amadís ou a súa versión da Crónica del Cid, o poema Roderick the last of the Goths e The pilgrim of Compostela, ademais de pór ao alcance do lector inglés poemas de Góngora, Lope de Vega e Quevedo, entre outras obras e autores. Proba evidente do interés que ao longo da súa vida lle suscitaron os temas españois, se ben nesta obra á que se refire Carlos Martínez-Barbeito no excelente traballo que aquí presentamos, se amosa con máis frecuencia crítico que eloxioso, por moito que gozase da viaxe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario