A Coruña e os seus habitantes, os seus costumes, a súa fartura monumental e artística, o estado do comercio ou da industria, asi como as referencias á súa contextura cultural e educativa ou a opinión respecto das súas pousadas, son temas tratados neste libro, tirados dos escritores-viaxeiros que até esta nobre cidade se desprazaron en determinadas épocas da súa xa ampla historia.
E así é porque, afortunadamente, egrexios viaxeiros de toda caste e condición, guiados por razóns diversas e procedentes dos máis variados lugares, fóronnos deixando constancia ao longo dos tempos en forma de diarios, cartas, memorias, relacións ou relatos -cos elementos característicos e diferentes que cada época sinala-, das impresións e experiencias que A Coruña lles suscitou.
Deste xeito aconteceu desde a Europa dos santuarios e as peregrinacións, dende a Compostela fin de traxecto dunha das máis prodixiosas rutas de peregrinación, o Camiño de Santiago, da que A Coruña é senlleira etapa con parada e fonda obrigada dos viaxeiros que chegaron a ela dende o mar.
Longa serie de libros de viaxes, si, dende aquel Líber Peregrinationis, primeira guía para camiñantes do Vello Continente, acrecentada co decorrer dos tempos e a pegada dunha heteroxénea masa de camiñantes e viaxeiros, xograres, poetas, peregrinos e escultores, aristócratas e plebeos, guerreiros, pillabáns e eclesiásticos que en séculos posteriores elixiron a Cidade de Cristal como destino.
Deica aquí chegaron tamén, deixando atrás o sendeiro dos aventureiros e xa comezado o século XVII, viaxeiros en misións diplomáticas ou políticas, como preceptores ou por motivos científicos ou de instrución, que tan amplo desenvolvemento atinxirán despois cos viaxeiros ilustrados do XVIII.
Cobizosos de coñecemento e co devezo de traspasar a realidade circundante, estenderon os viaxeiros ilustrados todas as súas posibilidades de sentimento, pensamento e acción. Grande época de viaxes foi esta, mostrando o público lector unha enorme curiosidade polas informacións no que toca a lugares descoñecidos, abondando, por iso, a publicación das experiencias de numerosos viaxeiros, fundamentalmente ingleses e franceses, polo que o cadro que resulta aparece tinguido polas ideas dominantes nas sociedades relativamente ricas e altamente educadas de Occidente. Porén, son relatos interesantes pola vasta cantidade de información que fornecen, sobre todo canto á vida económica e social imperante nese período. Sen dúbida, os comentarios dun observador estranxeiro, sorprendido por costumes e gustos diferentes aos que está afeito, poden ilustrar de xeito máis vizoso e convincente sobre algúns aspectos ou contrastes psicolóxicos ou culturais ca páxinas enteiras de acaídos estudos estatísticos ou descricións abstractas. É certo que relatos descritivos desta condición ofrecen considerables puntos fracos: xunto a substanciais obras de valor perdurable, legáronnos os escritores-viaxeiros libros de marcado carácter popular e absolutamente efémeros, en que os seus autores se interesaron máis polos pormenores externos e superficiais, ca por cuestións políticas, económicas ou sociais. Con todo, convén consideralos igualmente válidos pola visión que dende fóra achegan sobre costumes da sociedade coruñesa, ao centrarse naquilo que, por usual, non han escribir os naturais habituados á observación e asimilación do cotián.
É o século XIX, igualmente, época dunha chea de viaxeiros. O poder da razón é substituído polo dominio da subxectividade, e, polo tanto, os viaxeiros románticos saen na procura do exótico, do diferente, do pintoresco, estendendo unha forma de viaxar pracenteira, que sería o precedente do noso turismo de masas. O importante xa non é analizar e comprender intelectualmente. Coñecer agora é tamén pór en xogo a imaxinación e o sentimento. A esta época pertencen algúns en grao sumo saborosos libros de viaxes endexamais escritas, como é o caso de The Bible in Spain , de George Borrow.
En tempos xa moi próximos a nós, e dende o noso propio país, unha importante xeración de escritores deu mostra dunha nova sensibilidade e dun novo interese polos libros de viaxes. Un interese que en certo xeito entronca co espírito ilustrado, porque é manifestación do seu rexeitamento cara á visión oficial e da procura da realidade da sociedade en que viven
Sen dúbida, un dos factores que máis ha influír na formación de opinión acerca da Coruña foron os libros de viaxes. Os relatos dos numerosos viaxeiros que nos visitaron e que intentaron levar aos seus compatriotas a visión que da cidade recibiron.
É un pracer verificar o interese dos viaxeiros por coñecer, por descubrir non só os aspectos exteriores da cidade, senón tamén os relacionados coa súa vida, cos seus costumes, co seu carácter. Costumes, monumentos e tipos que fixeron as delicias dos viaxeiros de distintas procedencias.
O certo é que onda os comentarios de sobranceiro interese histórico, atoparemos anécdotas insignificantes ou datos simplemente descritivos. Mais, por riba de calquera outra consideración, estamos perante páxinas vivas que nos mostran unha sociedade moi distante da que nos presentan os clásicos libros de historia: lecer, diversións, costumes, configuración das rúas, fachadas de edificios e outros detalles domésticos e culturais son sutís e ineludibles argumentos para o coñecemento do noso pasado.
Son os resultados, abofé, variados: algúns viaxeiros limítanse a facer mera literatura das súas experiencias, mostrando unha inclinación natural a fantasiar actos e costumes aos que dan unha interpretación xeralmente trabucada ou esaxerada, como consecuencia en ocasións da falta dun estudo previo medianamente aceptable, o que cómpre para o coñecemento dunha cidade estraña, ou facendo gala de certos prexuízos que claramente se advirten entre liñas, ou na propia concepción da obra; manifestan, á par, a frecuencia con que nos seus escritos xeneralizan as súas observacións. Outros, máis retratistas, sen esquivar a inevitable subxectividade do observador, plasman en fermosas narracións que gaban os nosos progresos e as nosas xentes aquilo que foron coñecendo directamente, converténdose en testemuñas fiables para amosarnos a situación real do vivido.
E é que habemos de ter en conta que o perfil do viaxeiro varía en multitude de casos e depende moitas veces dos motivos, das razóns que o animaron a emprender a viaxe. E así é que no ánimo dalgúns está tan só coñecer un lugar distinto, gozando dunhas vacacións ou duns días de repouso. Outros, no entanto, mostran unha visión máis crítica, e dentro deste grupo podemos incluír os estranxeiros que ollan a cidade unhas veces con entusiasmo san, describindo os seus costumes e tradicións, e outras, pola contra, censurando o seu atraso con respecto aos seus lugares de orixe, pero sen subestimar nunca a importancia das súas apreciacións, polo distanciamento emocional e a perspectiva que só eles posúen.
Malia que a calidade dos textos expostos varía inexorablemente segundo a cultura do escritor viaxeiro, ó facermos un balance xeral consideramos os logros altamente satisfactorios, pois supón, sen dúbida, a posibilidade de construír lembranzas vindeiras e, tamén, a ocasión de adiar inoportunos pasados. Ao lelos, podemos recoñecer virtudes e defectos que non por ser doutros tempos deixan en ocasións de cobrar auténtica actualidade. Proponse, en fin, a realización dunha apaixonante viaxe ao pasado, un pasado que se vai debullando ao longo das páxinas, moitas xa amareladas, destes libros. Libros que nos convidan á reflexión, ao gozo, ou, se cadra, nalgúns intres, á carraxe. Pero libros vivos, en resumo, que nos falan de nós, os coruñeses.
No hay comentarios:
Publicar un comentario