martes, 25 de enero de 2011

Elena Poniatowska: Benquerido Diego, abrázate Quiela

Coñecín a Elena Poniatowska en maio de 2009, cando viaxou a Galicia a recoller o galardón "Escritora Galega Universal", outorgado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. Lembro ben unha tarde de café en Santiago con ela, co seu fillo Felipe e co presidente da AELG, o poeta Cesáreo Sánchez, os catro nun marabilloso xardín... Nalgún lugar haberá unha fotografía dos tres, tomada polo seu fillo, na Praza da Quintana...


Tempo despois, xurdiu a posibilidade de publicar en galego a súa obra Querido Diego, te abraza Quiela... E aquí está o resultado:


Angelina Beloff, exiliada rusa, pintora incipiente, escribe dende o gris, o frío e a pobreza do París de posguerra, a Diego Rivera, a súa parella durante dez anos, a quen non puido seguir no seu regreso a México.

Escribe cartas amargas que o pintor non responde.

Unha muller fina e suave é atraída cara a unha experiencia de liberdade, soidade e creación na que as forzas faltan e hai que inventalo todo. É a posguerra, a emancipación das mulleres, as formas rotas: non hai modelos.

Elena Poniatowska recrea, nestas cartas imaxinarias, o testemuño entrañable dunha artista e amante na encrucillada do tempo novo. O ton suave recorta e sustenta aquí a paixón amorosa e a paixón creadora, cun acento novo na xornalista e novelista que coñeciamos: a precisión e a finura convocan neste libro a forza concentrada da pintura de cabalete.

O libro está traducido ao galego por Mª Fe González Fernández, e ilustrado na cuberta pola pintora galega Ánxela Pérez Meilán.        

Elena Poniatowska, nada en París en 1933, xornalista e narradora, filla dunha mexicana e dun nobre polaco, vive en México dende 1942.

Foi bolseira do Centro Mexicano de Escritores, de 1957 a 1958, e ingresou no Sistema Nacional de Creadores Artísticos, como creadora emérita, en 1994.

A súa carreira principiou no exercicio do xornalismo e ten publicada unha obra moi ampla, que inclúe varios xéneros.

Entre os seus textos destacan, no apartado de narrativa: Hasta no verte Jesús mío, La flor de Lis, Tinísima, La piel del cielo, Lilus Kikus, De noche vienes, Tlapalería; as crónicas: La noche de Tlatelolco, Fuerte es el silencio, Nada, nadie. Las voces del temblor, Luz y luna, lunitas, Las soldaderas, Las siete cabritas e Miguel Covarrubias: vida e mundos; e mais os libros de entrevistas: Palabras cruzadas, Era, Domingo 7, Todo México e Todo México, vol. II.

Acadou múltiples premios, entre os que cómpre salientar: Premio Mazatlán 1970, por Hasta no verte Jesús mío; Premio Xavier Villaurrutia (rexeitado), por La noche de Tlatelolco; Premio Nacional de Periodismo 1978 (foi a primeira muller que recibiu esta distinción) polas súas entrevistas; Premio Manuel Buendía 1987 (outorgado por varias universidades de México), por méritos relevantes como escritora e xornalista; Premio Mazatlán de Literatura 1992, por Tinísima; Premio Alfaguara de Novela 2001, por La piel del cielo; e Premio Rómulo Gallegos 2007, pola súa novela El tren pasa primero

No hay comentarios:

Publicar un comentario