Editorial Trifolium publica, dentro da súa colección Fume de leña, a obra Ante a Historia Compostelá, do historiador Claudio Sánchez Albornoz.
Sen a Historia Compostelá -afirma Sánchez Albornoz-, tería quedado en tebras un dos períodos máis dramáticos da historia española, serían ignorados moitos personaxes que desempeñaron nela papeis máis ou menos importantes, terían escapado ao noso coñecemento diversas institucións e gran cantidade de sucesos sobre os que se achega plena luz e serían hoxe descoñecidas ducias de textos históricos de maior interese. Tales méritos, que non alcanza ningunha outra fonte latina peninsular na Idade Media -segundo o insigne historiador-, compensan os seus defectos. Entre eles, uns penden da singularidade dos seus autores e outros son comúns a todas as crónicas e historias de entón e aínda de sempre.
Os autores da Historia Compostelá -engade o investigador-, tiñan unha curiosidade múltiple e un prurito grande de exactitude. Aquela levounos a dispersar a súa atención en abano cara a multitude de cuestións e de personaxes diferentes, e este moveunos a explotar intensamente o rquivo da Igrexa de Santiago. Consecuencia da súa curiosidade e da súa atención foi o desfilar polas páxinas da Historia Compostelá de todas as figuras dalgún relevo da época, por pequeño que fose o seu papel na traxicomedia da Historia. Foino tamén o relatar de moitos sucesos, mesmo dalgúns insignificantes, ocorridos durante o período que historiaban. E foino, por último, a referencia ocasional ás moi variadas institucións eclesiásticas, sociais, económicas ou políticas que dalgún xeito tiñeron contacto cos personaxes da crónica ou que nalgún momento pudieron interesar á narración dos cronistas.
E resultado do prurito de exactitude dos autores foi copiar, con gran frecuencia, ducias e ducias de documentos de índole clerical ou civil: cartas, mensaxes, bulas, diplomas, ordenanzas etc., que, perdidos no correr do tempo e nos desastres dos arquitos de Santiago, fan da Historia Compostelá unha verdadeira colección diplomática de valor inapreciable.
É autora da tradución ao galego Mª Fe González Fernández.
O Autor
Claudio Sánchez Albornoz naceu en Madrid en 1893. Cursou estudos na Institución Libre de Enseñanza. Foi catedrático de Historia de España en Barcelona e Madrid e académico da Historia. Pertenceu a Acción Republicana e foi deputado durante a II República por Ávila. En 1932 comezou a exercer como Reitor da Universidad Central; participou na creación do Centro de Estudios Históricos, foi ministro de Estado (1933) e embaixador en Portugal (1936). Fundador do Instituto de Historia de España e da revista Cuadernos de Historia de España, exiliouse en Buenos Aires e presidiu a República no exilio (1959-1970). Estudou as orixes do feudalismo e outras institucións hispanas; entre as súas obras destaca España: un enigma histórico (1957), en réplica a España en su historia (1948) de Américo Castro. Faleceu o 8 de xullo de 1984 en Ávila.
No hay comentarios:
Publicar un comentario