jueves, 30 de diciembre de 2010

Isidro Novo: Cabalos do demo e outros invertebrados

Editorial TRIFOLIUM abre un espazo á narrativa cunha nova colección denominada Litterae. A palabra Literatura proven do termo latino Litterae, que fai referencia ao conxunto de saberes para escribir e ler ben. O concepto está relacionado ca arte da gramática, a retórica e a poética.

TRIFOLIUM inaugura, pois, a colección Litterae coa obra de Isidro Novo Cabalos do demo e outros invertebrados.

"Como cando tes fillos espallados por diferentes localidades e un día queres reunilos", foi a idea que levou a Isidro Novo a reunir nun volume os cinco relatos, de temática diversa, que compoñen este libro. No primeiro deles, Cabalos do demo, subxace a lembranza das vivencias infantís e adolescentes do autor na bisbarra viveirense do norte da provincia de Lugo (Galicia, España), á que pertence a súa familia. O relato foi ganador do IV Certame Manuel Murguía de Narracións Breves no ano 1995.

Os outros catro relatos foron escritos para diferentes conmemoracións, publicándose o derradeiro deles nun xornal galego.

O libro está ilustrado na cuberta pola pintora galega Ánxela Pérez Meilán.



Isidro Novo é un lugués que, agás pequenos parénteses, sempre residiu na súa cidade de nacimiento. O seu balbucir na escrita é no idioma castelán, pero cando toma conciencia da propia identidade, o galego convértese na súa única lingua voluntaria.

Teaza de brétema, publicado en 1994, sería o seu primeiro título individual. Seguiríalle o western Por unha presa de machacantes e a continuación Carne de can, un feixe de oito relatos, e o libro de poemas Dende unha nada núa.

En 1999 sae á rúa Antollos de Eimarmena, de narrativa curta, e logo de catro años sen publicar, aparecerían, sucesivamente, as novelas: Súa de si, Rosa lenta e Un escuro rumor tralo silencio.

No ano 2007 ve la luz un libro de poemas da súa autoría titulado Esteiro de noites falecidas e en 2009 sairía publicada a súa tradución ao galego da novela de Benito Vicetto Los Hidalgos de Monforte.

En tempos fixo radio ("Gomorritas e novas criaturas") na pirata Radio Clavi, ademais de publicar dúas guías orientativas para libar viño artesanal na súa cidade (Guía do bebercio lugués, 92 e 95).

Últimamente e co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) impulsou a sección de recuperación do idioma "Palabras con memoria", visible na web da devandita asociación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario