Tomada a decisión de editar en galego as memorias de María Casares, Residente privilexiada, publicadas orixinariamente en francés, quixen, antes de encargar a tradución, facer un percorrido, en setembro de 2008, por aqueles lugares de Francia que deixaron profunda pegada na vida da actriz galega: París naturalmente, mais tamén Camaret-s-Mer, o mar de Lacanau-Océan e, como non, a súa casa en Alloue, na Charente.
Casa de María Casares en Alloue (Arquivo Trifolium)
Unha casa que, sorprendentemente, desprende de cada curruncho sabor a Galicia... María Casares facía vida fundamentalmente na cociña da casa, preto da biblioteca que se conserva hoxe tal como a deixou
Cociña da casa de Alloue (Arquivo Trifolium)
Xa de volta ao país, encarguei a tradución directamente do francés ao galego a Ana Belén Martínez Delgado. Fixo un bo traballo, até o punto de que Residente privilexiada foi finalista dos Premios AELG 2010 á mellor tradución. O libro foi publicado na colección Contextos en marzo de 2009
María Casares... exiliada de todos os exilios...
Cando os nove anos, nomeado o seu pai Ministro de Marina, deixa A Coruña, Montrove, Bastiagueiro, para ir a Madrid, e convírtese en exiliada do Océano...
Cando, co levantamento do 36, veu o exilio a Francia, desde a Castela coa que se identificara, lonxe das súas paisaxes, dos amigos, das cousas máis íntimas, da súa lingoaxe...
Cando, xa en Francia, se exilia dos seus compañeiros exiliados, críticos coa figura do seu pai... ao mesmo tempo que se exilia de Francia, á quen no perdoa o seu comportamento cos exiliados españois...
Cando, tra-la morte de Franco, non dá por rematado o seu exilio, en Madrid, de regreso a España para interpretar El Adefesio de Rafael Alberti, porque xa non recoñece nin Madrid nin España, nin se recoñece a si mesma como símbolo de reconciliación entre as dúas Españas...
Española en Francia, francesa en España, ao final da súa vida solía dicir, e así o deixou escrito, que a súa única patria era o Teatro.
Residente privilexiada se publica orixinariamente en Francia en 1980, e en castelán un ano despois, e é un dos testemuños máis completos acerca do exilio -primeiro forzoso, despois voluntario- dunha muller que conseguiu triunfar lonxe do seu país, até convertirse en actriz universal, primeira figura da Comedia Francesa e do Teatro Nacional Popular francés, María Casares, muller que formou parte desa lexión de xentes nosas que aventou a Guerra Civil e que o réxime vencedor tratou de borrar do mapa emocional e cultural de España...
Quere María Casares, no libro, "axustar contas co exilio, con España, coa carencia ou o don dos seus privilexios... teño que axustalas tamén co silenzo e a prohibición que durante tempo me mantiveron muda fronte aos que alababan ou atacaban ante min, a quen me fixo..."
O libro, en efecto, é un axuste de contas, un regreso sincero e inmaculado aos seus orixes, á escea familiar, a súa paíxón polo teatro, aos amigos, ao exilio, aos encontros e desencontros coa súa propia identidade...
Este libro, en fin, supuso para María Casares o reencontro amoroso coas súas orixes e o fertilizar a súa esperanza no ser humano, para seguir a dispor desa dose de humor e de inocencia que necesitaba para vivir entre bastidores e no esceario, porque, como recoñeceu, a súa patria era, si, o Teatro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario