lunes, 9 de enero de 2012

Robert L. Stevenson: Apoloxía dos ociosos


Editorial Trifolium, dentro da súa colección Musa pedestris, vén de publicar o ensaio Apoloxía dos ociosos, de Robert L. Stevenson. A tradución directamente do inglés ao galego é de Mª Fe González Fernández.





Opinaba Cesare Pavese, aló polo ano 1950, nun ensaio publicado en L´Unità de Roma, que os mestres máis inmediatos do novelista, ensaísta e poeta escocés Robert Louis Stevenson foron, sen lugar a dúbidas, Flaubert, Maupassant e Merimeé. Iso quere dicir, apuntaba o gran poeta e novelista italiano, que con Stevenson entra na prosa en lingua inglesa, e acada exótica fascinación, a lección estilística dos naturalistas franceses, a elección da palabra xusta, insubstituíble, o sentido da cor, do son, do matiz esencial, do detalle observado con exactitude e, ao mesmo tempo, a aversión a todo exceso romántico ou sentimental.
Lembremos, con Pavese, que a cultura occidental no tempo de Stevenson (fins do século XIX e principios do XX) atravesou unha crise de desgusto polo ambiente imperante, o que provocou a busca dun paraíso e dunha xustificación. Unha maneira tan boa coma calquera outra de polemizar —de vivir— coa propia sociedade.
O breve e pouco coñecido ensaio de Stevenson Apoloxía dos ociosos é, precisamente, un canto á vida. Nel, o xenial autor desvela os ingredientes esenciais da súa visión vital.
A sabedoría da ociosidade, por exemplo, enfocada á certeza de que non hai deber máis infravalorado que o de ser felices. Ou a ociosidade como concepto revolucionario: se unha persoa non pode ser feliz sen estar ociosa, ociosa ten que permanecer.
Para Stevenson, a ociosidade, que non consiste en non facer nada, senón en facer moitas cousas non recoñecidas nos dogmáticos formularios da clase dirixente, ten tanto dereito a manter o seu lugar como a mesma laboriosidade.
E goza dun camiño inescusable: o que discorre por vieiros pouco frecuentados, que a levarán ata a solaina do sentido común.


O Autor

Robert Louis Stevenson (1850-1894), novelista, ensaísta e poeta escocés. Tras concluír a súa instrución en leis e traballar durante un breve tempo como avogado, decidiu que o seu era a escrita, dedicándose en corpo e alma a partir dos vinte e cinco anos ao mundo literario, colaborando en revistas e relacionándose con escritores e editores.
A vida aventureira de Stevenson definiu o seu proceder literario, en especial as súas múltiples viaxes por países exóticos, que culminaron en Samoa, onde residiu os últimos anos da súa vida venerado polos nativos.
A súa popularidade como escritor reflectiuse fundamentalmente nos emocionantes argumentos das súas novelas fantásticas e de aventuras, nas que funde brillantemente acción e análise psicolóxica duns personaxes marcados pola dualidade moral, todo narrado dunha maneira maxistral, cun estilo elegante e sobrio.
Cantor da forza moral que leva a acometer calquera empresa e da alegría, tivo talento suficiente como para abordar distintos xéneros literarios, deixando unha vasta obra chea de encanto, con títulos inesquecibles.


Datos

Título: Apoloxía dos ociosos
Autor: Robert L. Stevenson
Tradución: Mª Fe González Fernández
ISBN: 978-84-938669-6-9
Páxs.: 54
PVP: 9,00 €


Títulos publicados na colección Musa Pedestris

A                  José Luis L. Aranguren: O ocio e a diversión na cidade
B                  Felipe Alaiz: Arte de escribir sen arte
C                  Bertrand Russell: Eloxio da ociosidade
D                 N. Chomsky e M. Foucault:  A natureza humana: xustiza versus poder
E                  Paul Lafargue: O dereito á preguiza
F                  Bertrand Russell: Por que non son cristián
G                 Marcel Proust: Sobre a lectura seguido de Días de lectura
H                 José Luis Sampedro: O mercado e a globalización
I                   Robert L. Stevenson : Apoloxía dos ociosos

No hay comentarios:

Publicar un comentario