A cultura do ocio fronte á cultura do traballo é tema preferencial e constante na reflexión do filósofo e profesor Jose Luis L. Aranguren.
Para o ilustre profesor, a cuestión estriba, en tanto non se cumpran as utopías, en devolver plena dignidade, sentido humano e, por suposto, remuneración xusta ao traballo; e en dar, igualmente, sentido humano, humanista, perfeccionante, ao ocio e á distracción.
O traballo que presentamos, O ocio e a diversión na cidade, en tradución ao galego a cargo de Mª Fe González Fernández, foi publicado orixinariamente en 1958 na Revista de la Universidad de Madrid, VII, 25, pp. 57-75. Posteriormente, en 1988, a editorial Tecnos incluíuno, xunto con outros ensaios, nun volume titulado Ética de la felicidad y otros lenguajes.
Jose Luis L. Aranguren (1909-1996), filósofo e ensaísta, catedrático de Ética, exerceu unha enorme influencia na vida intelectual española da segunda metade do século pasado.
Tanto no campo das crenzas católicas como en todos os demáis problemas filosóficos, políticos, sociais e culturais, o seu pensamento caracterizouse pola súa actitude de inconformismo e certas doses de <heterodoxia>, así como unha mestura de compromiso intelectual e moral cun certo distanciamento que o propio Aranguren calificou de <irónico>.
Especialmente significativo foi o estudo que levou a cabo en multitude de traballos sobre a dimensión social da moral individual, a súa distinción entre moral como estrutura e moral como contido e mais a consideración da ética como fundamento e substrato último das relacións sociais, coas súas respectivas derivacións cara ao campo da política e da cultura en xeral.
No hay comentarios:
Publicar un comentario